
Emily Rodríguez traballa no servizo de Call Center que Bus.gal decidiu confiar a Combina Social.
Entusiasta e comprometida, a Emily encántalle falar coa xente e axudarlle a resolver dúbidas. Conta que coñeceu Combina Social de casualidade. Fixo un curso de formación para o posto e tivo a sorte de ser seleccionada.
Para ela o fundamental é a relación coas súas compañeiras e compañeiros. Di que é a clave para ir sempre contenta a traballar.
Esta é a súa historia:
Como coñeciches Combina Social?
A través de COGAMI. Recordo un día que estaba na sala de espera do meu psicólogo. Atopábame moi mal xa que a miña vida truncárase moito e non vía saída por ningures. Na sala, tiñan unha cortiza con carteis e un deles era de COGAMI. Foi a raíz disto que cheguei a coñecer Combina Social.
Como foi o proceso de selección para traballar no servizo de Call Center de Bus.gal?
Primeiro chamáronme dende COGAMI para preguntarme se me interesaba o posto. Despois contactou comigo Combina Social para concertar unha entrevista, da cal saín moi contenta porque en ningún momento me sentín incómoda.
Recibiches algún tipo de formación para traballar no Call Center de Combina?
Creo recordar que aos dous ou tres días chamáronme para dicirme que estaba seleccionada para facer un curso de formación para o posto de traballo.
Asistimos ao curso unhas dez persoas, dende o primeiro momento deixaron claro que só dúas serían seleccionadas pero que aqueles perfís que non foran seleccionados nese momento terían moitas oportunidades na empresa, xa fose nese posto ou noutro. Eu tiven a fortuna de ser unha das candidatas elixidas.
Xa no posto de traballo recibimos formación ata que nos viron con soltura para desempeñar as tarefas que o traballo require.
Como é traballar nun Call Center? Cales son as tarefas que realizas?
Pois a verdade é que é un traballo moi gratificante. É moi bonito poder gozar dun traballo onde falas coa xente e lle solucionas problemas ou dúbidas. Chegas a manter unha relación moi boa coas persoas usuarias e iso faime sentir ben e valorada.
As tarefas que realizamos están relacionadas coa xestión de reservas, información de horarios, información sobre a Tarxeta de Transporte Metropolitano ou a Tarxeta Xente Nova, cubrir incidencias e tratar de resolver posibles problemas.
Que é o que más che gusta do traballo?
Destacaría dúas cousas: unha, o gran compañeirismo e humanidade que percibo ao redor. Por suposto, o meu compañeiro no Call Center, Nestor, non podería ser mellor persoa, e compañeiras como a supervisora, a xerente, persoal de oficina, limpeza… a segunda, o moito que me gusta falar coa xente. O ben que me sinto cando lle resolvo algo que lle preocupa, cando me recoñecen xa pola voz e me preguntan como me vai o día,…
Polo que comentas o ambiente laboral é estupendo…
Sen dúbida, unha das cousas que máis me gustan do meu traballo, é a marabillosa relación que mantemos. Sempre cumprindo co traballo e con respecto. A verdade é que gozamos de moi bo ambiente e para min esa é unha das claves para que un traballo funcione ben e sempre vaias con ganas ao teu posto de traballo. Síntome privilexiada neste aspecto.