
En Combina Social somos coherentes coa nosa mensaxe e funcións. Se promovemos a inclusión laboral das persoas con discapacidade porque nos preocupa a igualdade de oportunidades para todas e todos, como non iamos pensar unha e mil veces como crear unha contorna de traballo á altura da nosa visión?
Por iso, traballamos polo benestar das persoas que están na nosa empresa, tentando mellorar a súa calidade de vida no traballo e facilitándolles en todo o posible as súas aspiracións profesionais, escoitando as súas ideas e as súas inquietudes, promovendo a conciliación coas súas vidas privadas e poñendo á súa disposición as mellores ferramentas para o seu desempeño profesional.
Cremos no equipo para alcanzar os resultados, pensando en colectivo pero tamén singularizando as necesidades de cada persoa que traballa connosco, porque unha organización vale tanto como vale o seu factor humano.
Formamos un grupo de máis de 165 persoas, unha familia numerosa onde cada unha atopa o seu lugar. Traballamos por todo o territorio galego.
Gústanos o emprendemento, a iniciativa e as novas ideas que nacen no seo da empresa. Encántanos promovelas porque en Combina Social tamén nos motiva a innovación e os novos retos.
Por iso, tamén nos comprometemos impulsando proxectos, promovendo a formación, apoiando e asesorando a empresas socialmente responsables e impulsando a mellora tecnolóxica na nosa propia xestión dos RRHH, entre outras moitas ideas.
Formar parte de Combina Social é pertencer a un colectivo profesional comprometido cos nosos obxectivos, pero tamén coa sociedade e coas persoas con discapacidade.